Xaquín Real Naveiro

A Península Ibérica, territorio montañoso e variado xeograficamente tivo unha historia na que desde a Idade Media, xurdiron varias ramas lingüísticas que hoxe aínda sobreviven nos actuais Estados español e portugués.

O triste da situación é que estas múltiples variantes lingüísticas están nun proceso de declive ou, noutros casos, de desaparición case total pola presión da lingua maioritaria: o castelán. O castelán, a lingua mimada na Historia das Españas é orixinaria de Castela e alí debe ser defendida e promocionada e podería funcionar, de facto, como lingua franca das Españas. Mais isto non debería supoñer necesariamente a eliminación das outras linguas. Dentro destas outras linguas das Españas podemos formar dous grupos segundo o seu nivel de legalidade. Nun nivel superior, situaríase o catalán/valenciano/balear, o éuscaro e o galego, que teñen un grao de cooficialidade nos seus territorios, o que lles dá certa protección (ao meu xuízo moito mellor no caso catalán que nos outros). Aínda así hai territorios onde se falan estes idiomas e non son oficiais como o catalán na franxa de Aragón, o éuscaro nunha parte de Navarra e o galego no Bierzo e nas comarcas occidentais de Zamora. Nun nivel inferior, estarían o aragonés e o astur-leonés, carentes do suficiente recoñecemento legal para sobrevivir ao longo do tempo.

Ante esta situación, cómpre eliminar esta xerarquía de linguas e situalas todas ao mesmo nivel. Polo tanto, debemos saltarnos o paso da cooficialidade e pasar á oficialidade. As Españas por definición deben de ser un Estado multilingüe. É moi difícil definir unha política lingüística que funcionase neste marco tan variado, pero hai algo que se pode facer xa no marco actual e non sei fai. Isto é introducir na educación dos territorios monolingües en castelán o ensino do resto de linguas, ben sexa por medio de materias no ensino primario. Non se necesita un coñecemento exhaustivo de todas as linguas da península, pero si creo que é importante entender o outro. Nos territorios cunha lingua propia, o que se debería de facer é directamente a inmersión lingüística, un modelo que deu os seus froitos na Cataluña dos anos 90 e 2000.

Vou exemplificar coa miña terra, que un galego poida ir a Madrid falar en galego, e que o entendan para min é esencial, aínda que sexa contestado en castelán. Entre os idiomas da familia iberorromance (galego, castelán, astur-leonés e aragonés) a comprensión podería ser moi sinxela e cos de procedencia occitana (catalán e aranés) sería un pouco máis complicado pero podería ter resolución. Co éuscaro a situación é moito máis complexa e requiriría dun coñecemento máis exhaustivo da lingua. Obviamente non só se trata de coñecer a lingua per se, senón de dar coñecer a variedade e a riqueza cultural da península enteira, nun marco de convivencia pacífica.

Anuncios